DEITADO FRENTE Ó MAR...
Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dáme a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garavata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estúpidos,
non falo prós baleiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...
CELSO EMILIO FERREIRO
(Celanova, 1912 - Vigo, 1979)
No hay comentarios:
Publicar un comentario