28 nov 2018

"Bibliotecas viventes" unha experiencia moi interesante

A través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e en colaboración co Equipo da Biblioteca, tivemos ocasión de participar co alumnado de 2º de ESO na experiencia "Bibliotecas Viventes"


A actividade resultou moi motivadora e interesante. En pequenos grupos e sesións itinerantes durante dúas horas, tiveron ocasión de intercambiar vivencias con  
"libros vivos" que se abrían para eles. As temáticas dos libros suscitaron moito interese e a experiencia valorouse como moi positiva.

          
Ao final da experiencia deixaron as súas impresións no "opinadeiro"


28 may 2018

O 17 de maio, Día das Letras Galegas


O 17 de maio, o Día das Letras Galegas, creo que é un bo día para falar da nosa lingua. Aínda que considero que, este día, con maiúsculas e todo, debería de ser todos os días do ano.
 
Ao meu parecer, a maioría de nós non somos conscientes da importancia que ten o posuír unha lingua propia: non só é cultura, unha lingua tamén forxa un elo inquebrantable entre todos nós, os galegos. 


Como exemplo disto, gustaríame plasmar aquí un acontecemento, que, agora, visto desde lonxe, penso que sempre quedará gravado na miña memoria. O pasado verán, a miña familia e mais eu, fixemos unha viaxe aos Estados Unidos. Cal sería a nosa sorpresa, ao coller un dos famosos taxis amarelos que tanto vemos nas películas, ao coincidir cun condutor de Quiroga? O home, emocionado, contábanos que nos seus vinte anos de servizo polas rúas neoiorquinas, tan só coincidira con dúas familias galegas. Nós, ao parecer, eramos a terceira, e el, encantado connosco, comezou a falar galego coma se non levase ningún tempo fóra da súa terra.
Con este relato pretendo demostrar que o galego non só é a lingua que nos representa, o noso signo identitario, senón que tamén é o lazo invisible que nos une. Por iso, o 2 de febreiro, o 9 de xuño, o 14 de decembro, e un longo etcétera, deberían de ser o Día das Letras Galegas (si, con maiúsculas).



María Otero Sande
2º BACH A

O galego...lingua minoritaria ou minorizada?


Á hora de abordar a situación dunha lingua nunha sociedade plurilingüe xorde a dicotomía entre os termos lingua minoritaria e lingua minorizada. Enténdese que unha lingua é minoritaria cando é falada por pouca xente, de xeito que non é posible un uso social predominante. Pola contra, as linguas minorizadas poden ter un número relativamente alto de falantes, pero por cuestións sobre todo políticas, non lles é posible ser maioritariamente utilizadas. Desta forma, sempre que existe unha lingua minorizada (como sería o galego) é porque está a recibir a presión dunha lingua dominante (neste caso o castelán) que provoca a súa marxinación e, se non se establecen medidas correctoras, a súa desaparición.
 
É o galego unha lingua minoritaria?

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística do ano 2013, o 95,8% dos galegos de 5 ou máis anos explican que o seu grao de entendemento do galego é moito ou bastante, e case 2 de cada 3 galegos afirma utilizar o galego en distinto grao de intensidade. Desta forma pódese afirmar que arredor de 1.900.000 persoas usarían o galego (existindo un empate técnico entre a intensidade de uso do castelán e do galego, xa que mentres un 50,9 % dos galegos afirmaba falar só ou maioritariamente en galego, un 47,9% deles afirmaba falar só ou maioritariamente en castelán).
Na seguinte táboa recóllense os falantes das 7.097 linguas vivas do mundo, segundo Ethnologue
 
Linguas con máis de 100 millóns falantes
8
0,11% del total
Linguas entre 10 e 100 millóns de falantes
85
1,20% del total
Linguas entre 1 e 10 millóns de falantes
308
4,34% del total
Linguas de menos de 1 millón de falantes
6.696
94,35% del total
Polo tanto o galego estaría no grupo do 5,6% das linguas mais faladas do mundo, estando neste tamén o sueco, o búlgaro ou o finés; polo que sería unha lingua tan minoritaria coma calquera destas.
É o galego unha lingua minorizada?

Para ver se o galego é unha lingua minorizada debemos de analizar se se dan algunhas das características propias desa situación, entre as que poderíamos destacar:
1.- Existencia de normas de uso social restritivas que farían que a lingua minorizada non se utilizase en determinados ámbitos, fronte ao uso expansivo en todos eles da lingua dominante. Máis alá de que o galego predomina como lingua oficial das institucións públicas, resulta evidente que o seu uso é case testemuñal nos medios de comunicación, na publicidade, no mundo empresarial, nos documentos producidos nos actos xurídicos...
2.- Necesidade de coñecemento: No caso de existencia de dominación dunha lingua sobre outra, a lingua forte debe de ser sempre coñecida mentres que o coñecemento e uso da lingua minorizada non sería necesario. Unha persoa podería vivir e progresar na comunidade da lingua minorizada coñecendo só a forte, mentres que descoñecer esta última supón ficar fora do sistema.
3.- A comunidade lingüística minorizada é un subconxunto da dominante, xa que mentres os falantes desta última tenden a ser monolingües os da minorizada teñen no seu repertorio as dúas linguas. A ausencia do galego na publicidade ou mesmo noutro tipo de comunicacións empresariais, deixa clara a condición de subconxunto da comunidade galegofalante.
Por todo isto pódese afirmar que a día de hoxe o galego é unha lingua, máis que minoritaria, minorizada. A modificación desta situación está, non só no goberno, senón tamén nas mans de todos nós. Adoitamos botarlle as culpas do que acontece coa nosa lingua aos demais, sen decatarnos que o cambio comeza desde cada un, e se este fose reivindicado por todos, a situación do galego podería ser moito máis favorable.

Candela Mazaira
2ºBac. B

Fariña

Falamos moito da produción en galego, da súa promoción e de dar a coñecer a nosa cultura e o noso idioma, pero recentemente Galicia foi tema de actualidade, e non precisamente por boas noticias. Foi en marzo deste ano cando o xa famoso libro Fariña foi secuestrado por unha xuíza de Collado Villalba. Dende ese momento foron moitas as noticias respecto ao libro e os seus protagonistas ata chegar a ter unha serie baseada no libro.
¨Prevenidos!¨, así empeza a serie galega que trata o tema do narcotráfico en Galicia, transformada nos anos 80 nunha das zonas de contrabando máis prósperas de España. Esta serie achéganos a unha realidade que se viviu en Galicia e que casou graves problemas socias. Ademais, estas figuras do narcotráfico chegaron a causar mesmo admiración entre os seus veciños, debido a obter bens materiais que quedaban ao alcance de poucos, como grandes casas ou luxosos coches, aínda que eran actividades baseadas en feitos delituosos. Penso que esta serie amósanos, tanto aos galegos como ao resto de España, unha realidade que tivo lugar nun momento concreto e produciu un nocivo efecto na sociedade e permítenos saber como funcionaban as cousas naquel tempo.
O personaxe principal, Sito Miñanco, máximo expoñente do narcotráfico nas Rías Baixas, coñecido hoxe en día polas súas entradas e saídas do cárcere, acércanos a esta realidade xunto a coñecidas figuras deste mundo, como Laureano Ouviña; Manuel Charlín ou Vicente Otero (¨Terito¨), interpretado por Manuel Lourenzo, importante promotor do teatro galego. A pegada do narcotráfico segue moi presente en Galicia, como demostrou a testemuña de Carmen Avendaño, a voz das nais da droga, o xuíz Taín ou o escritor de Fariña, Nacho Carretero. Da mesma forma, a vida dos narcos quedou marcada polos delitos cometidos e polas condenas establecidas contra eles.
Nesta serie, protagonizada por actores galegos, podemos ver a primeira aceptación deste mundo e das tarefas que desenvolvían os traficantes, que moitas veces empezaban de mozos e continuaban con esta actividade que lles reportaba abondosos beneficios económicos. Acúsaselles de que houbese unha ¨xeración perdida¨ pola introdución de droga en Galicia que levou a moitos mozos á morte. Pode verse tamén como funcionaban estes narcotraficantes, como por exemplo Manuel Charlín, que foi o patriarca do clan máis perigoso e sanguinario de Galicia, os Charlines, coñecido pola Operación Nécora, a cal levouno ao cárcere, así como a Laureano Ouviña. Por último cabe destacar o personaxe de ¨Terito¨, quen se moveu con moita facilidade entre as elites políticas. Esta trama do contrabando galego foi posible tamén grazas ao apoio de políticos e mesmo da sociedade, que tardou moito tempo en darse conta do dano que causaban estas prácticas.
Ana Martín González
2º Bac. A

25 may 2018

Máis galego


Poderías dicir o nome de tres escritores actuais? É sinxelo. Dos libros saen unha chea de series e películas, e é imposible que non nos soen certos nomes. Nas redes sociais temos constantes promocións de libros por parte dos influencers que, ou ben son os propios escritores, ou ben serven coma anunciantes. A lectura hoxe en día é máis accesible ca nunca; está, literalmente, a un clic de distancia. Isto fai que os autores se dean a coñecer máis facilmente, chegando a xente que hai un par de décadas non tocaba un libro nin por recomendación.
A novela, que adoitaba eclipsar ao resto de xéneros, está comezando a ceder espazo a outros formatos. Ultimamente certas personalidades de internet están a producir poemarios cos que animan á xente nova a coñecer a lírica; temos a magnífica poesía feminista de @srtabebi ou os versos intimistas de @defreds. Ademais, estase a apostar fortemente polo aspecto visual e ata táctil da arte, enchendo os libros de debuxos e relevos. O ensaio xa non está reservado ás máis elevadas elites intelectuais. O teatro, cada vez máis veces a través dunha pantalla, segue a conquistar ao público.
Pero, que pasa se reformulamos a pregunta? Poderías nomear a tres escritores galegos actuais? Iso xa é máis complicado, non? E a cousa aínda pode ir a peor. Coñeciches a obra dalgún deses autores pola túa conta ou polas lecturas da materia de galego?
Agora que xa andades metidos niso de pensar, ide un pasiño máis aló e fixádevos no denominador común. Volta ás preguntas comprometidas. Cantos dos libros que les están noutra lingua que non sexa o castelán? E non che estou a pedir que leas en checheno, senón no que estás a ler agora mesmo. Cantos dos libros que les por pracer están en galego? De feito, canto do que les está en galego? Estarías a ler isto se non te obrigase o profesor ou profesora de turno?
A resposta reflicte verdades que moitas veces non queremos admitir. Non valoramos a nosa cultura autóctona. Nin existiría de non ser por que a lexislación nos obriga a estudala nos centros de ensino. Porque iso é o que fan. Teñen que nos obrigar. Cantos de vós comprastes un libro en galego o 17 de maio? Existe a posibilidade, por incrible que pareza, de que ningún o fixera.
Por iso, quero facer un chamamento. Entre o día 30 de maio e o 2 de xuño haberá unha feira do libro na nosa cidade. Mercade un libriño en galego. Son fáciles de atopar. Están apartados, nunha esquina, e andan algo desnutridos porque ninguén quere ler un libro en galego de máis de duascentas páxinas. A maioría custa menos de dez euros (imaxinade como viven os autores galegos), e non vos levará máis dunha tarde lelos.
Así, a próxima vez que vos pregunten por tres escritores galegos actuais, Celia Díaz, Iria Misa e Domingo Villar poderían aparecer na vosa mente. Poderiades contestar que si, que ledes en galego por pracer, que para algo sodes bilingües, e que apoiades á vosa lingua. Porque unha conversa sobre un libro en galego podería ser o inicio dunha nova amizade ou amor, e non un monólogo interminable dos que soltan nas clases.
Así que me vas facer un favorciño: vas coller dez euros e vas ir a feira mercar un libro en galego. Despois, vas ir á casa e, con extrema solemnidade, como merece o momento, vas ler a primeira páxina. Só iso. Só unha páxina. Só unha oportunidade. Só unha esperanza para quen confiamos en que esta non sexa a derradeira xeración que vivirá en galego.
Eva Fernández Murias
2ºBac. B

A praga muda en Montederramo


En maio de 2008, a Consellería de Medio Ambiente declarou a existencia dunha praga que se estendía por zonas de toda Galicia. Esta praga era coñecida popularmente como a praga do pulgón (Altica quercetorum), que afectou a gran cantidade do territorio galego, deixando extensións de terreo destruídas e sen carballos que poboasen os campos. Unha das zonas onde maior influencia tivo esta praga foi no concello de Montederramo, especialmente nunha pequena aldea coñecida como “Vilapequena”.

Esta aldea de apenas 20 habitantes,todos adicados principalmente á gandaría e á agricultura, viuse totalmente desolada despois do paso da praga polos seus campos, a cal provocou perdas económicas para todo o pobo pero que sobretodo afectou a nivel moral. A aldea,que antes da praga xa non se atopaba nos seus mellores momentos, quedara agora sumida nun silencio arrepiante.

Durante anos os medios de comunicación que fixeran documentais sobre o acontecemento centráronse basicamente na praga e falaban de que o pobo se convertira nunha “cidade pantasma” sen decatarse de que o que de verdade afectaba á aldea era a falta de xente nova que se interesase pola terra, polos seus costumes, pola fala e pola xente. Este era en esencia o verdadeiro problema da “Vilapequena”, algo que estaba provocando que morrese lentamente xunto cos seus habitantes.

A aldea deixara de ser “interesante” para a mocidade , e así o afirmaba a xente maior dicindo que “este xa non é lugar para nenos, só para vellos teimudos...” deixando claro que eles tiñan xa aceptada esta situación de desinterese por parte da xuventude.

Actualmente podemos ver esta despreocupación polo mundo rural galego e polos seus costumes e tradicións en todas partes. Día a día os pobos de Galicia van quedando sumidos nun silencio ata que finalmente acaban por desaparecer sen que ninguén se percate da súa ausencia, facendo caia sobre eles a verdadeira praga, a do silencio.

 Annia Fernández Pérez
2º Bac. A 

A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias


No tema de sociolingüística que estudei para o último exame de galego mencionábase a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e quedei coa dúbida de saber exactamente en que consiste, polo que vou falar un pouco do que deste documento e en que afecta á nosa lingua.
A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias é un acordo asinado polos países membros do Consello de Europa (entre eles España) para a protección da diversidade lingüística no continente europeo. O documento establece como linguas a protexer aquelas que, ou ben non son oficiais, ou ben teñen un numero de falantes numericamente inferior en relación coa poboacion do Estado. España asinou este acordo en relación co galego, o catalán, o euskera, o asturiano, o leonés e o occitano ou aranés.
Co obxectivo de promocionar estas linguas e asegurar os dereitos lingüísticos dos seus falantes a carta establece, entre outras cousas:
1)A educación a todos os niveis (preescolar, primaria, secundaria e superior) nestas linguas, polo menos nunha parte substancial. Isto contrasta coa educación que temos hoxe en Galicia: a educación primaria e secundaria en galego reduciuse ata o 33% coa escusa de introducir o inglés e no ensino universitario o galego é moi minoritario, especialmente en carreras de ciencias.
2) O dereito á administración de xustiza nestas linguas. Neste caso, a carta é algo ambigua xa que di que isto debe ocorrer sempre que non interfira na correcta administración de xustiza. Neste aspecto, a posibilidade de recorrer a instancias de ámbito nacional fai que a presenzaa do galego na xustiza sexa a día de hoxe moi minoritaria.
3) A promoción dos poderes públicos de medios de comunicación nestas linguas. No caso do galego, se ben no ámbito da televisión e da radio si se conseguiu, no ámbito da prensa escrita a presenza do galego está limitada a seccións culturais ou de opinión, coa excepción dalgúns xornais dixitais.
4) A promoción destas linguas en manifestacións culturais. Neste aspecto, o galego está ben asentado como lingua de difusión cultural, aínda que a súa presenza na música ou no cine está ameazada pola presión das grandes produtoras.
En conclusión, a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias recoñece a diversidade lingüística como obxecto de especial protección, e establece esta protección como algo fundamental para que a integración europea que se leva a cabo dende o final da Segunda Guerra Mundial sexa o mais harmónica posible.
Pedro Areal Antolín
2ºBac. A

21 may 2018

A miña relación co galego


Na miña casa nunca se falou moito galego, e practicamente eu só o usaba cando falaba ca miña avoa e, nin sequera, sempre. A pesar de ser educada en castelán, eu sabía falar en galego desde pequena sen ter que aprendelo no colexio, máis nunca o usaba. Despois de moitos anos e de intentos de usar máis galego (todos frustrados basicamente pola preguiza de afacerme) por diversos motivos a miña avoa veuse a vivir con nós a Ourense. Pouco a pouco tanto eu coma os meus país comezamos a empregar máis o galego, a pesar de que nun principio costou xa que non estabamos afeitos, e para min era moi complicados ter unha conversa en galego sen equivocarme ou ben por pór o pronome átono mal, por empregar palabras en castelán…
Actualmente, 2 anos despois, na miña casa fálase moito máis galego que castelán, e é sorprendente como en tan pouco tempo cambiou tanto a situación, xa que ata eu a min mesma sorpréndome moitas veces pensando ou mesmo soñando en galego, cousa que antes nin de broma ocurrira e é algo que me gusta moito, pois síntome moi ben falando en casa galego e empregándoo inconscientemente cada vez máis. Con isto quero dicir que sendo castelán falante é complicado pasarse ó galego, pois ao principio cométense moitos erros e é frecuente comenzar a frase en galego e rematala en castelán sen darse conta, máis non é imposible, xa que se eu que apenas era capaz de manter unha conversa en galego agora o falo case todo o tempo na casa, todos podemos facelo.
Amalia Sotelo de la Vega
2ºBac. B

A ciencia en galego como axente normalizador da lingua


Como estudantes de ciencias fomos educados en galego en moitas materias: Coñecemento do Medio na Primaria, Bioloxía, Física e Química na ESO… e isto permitiu que os estudantes galegos desenvolvésemos unha capacidade de pensar e razoar en galego da que careceriamos completamente de seren impartidas estas materias en castelán.
Ademais, dado que vivimos nun sistema no cal o castelán é considerado “superior”, tanto a nivel social como a nivel lexislativo, tamén temos estas capacidades en castelán simplemente por existir e relacionarnos con persoas neste contexto. Así, aprender a ciencia en galego non ten ningún tipo de prexuízo para o correcto desenvolvemento das competencias lingüísticas dun alumno en castelán; mentres que beneficia totalmente o desenvolvemento do galego e a súa normalización.
Eu deime conta disto neste curso, segundo de Bacharelato, o único no cal tiven Bioloxía en castelán. Cando facía os meus esquemas, inconscientemente escribía as cousas en galego, porque é así como sempre aprendín esta materia. E cando iso acontece, síntome orgulloso de ter a capacidade de falar dúas linguas.
O estudo da Sociolingüística e a miña propia experiencia como estudante galego leváronme a ver que eu teño a capacidade e, por sorte, a liberdade de elixir a lingua que quero falar en cada momento, e iso é algo moi valioso do que non moitas persoas poden gozar.
Daniel Parajó Otero