Como estudantes de ciencias fomos educados en galego en moitas
materias: Coñecemento do Medio na Primaria, Bioloxía, Física e
Química na ESO… e isto permitiu que os estudantes galegos
desenvolvésemos unha capacidade de pensar e razoar en galego da que
careceriamos completamente de seren impartidas estas materias en
castelán.
Ademais, dado que vivimos nun sistema no cal o castelán é
considerado “superior”, tanto a nivel social como a nivel
lexislativo, tamén temos estas capacidades en castelán simplemente
por existir e relacionarnos con persoas neste contexto. Así,
aprender a ciencia en galego non ten ningún tipo de prexuízo para o
correcto desenvolvemento das competencias lingüísticas dun alumno
en castelán; mentres que beneficia totalmente o desenvolvemento do
galego e a súa normalización.
Eu deime conta disto neste curso, segundo de Bacharelato, o único no
cal tiven Bioloxía en castelán. Cando facía os meus esquemas,
inconscientemente escribía as cousas en galego, porque é así como
sempre aprendín esta materia. E cando iso acontece, síntome
orgulloso de ter a capacidade de falar dúas linguas.
O estudo da Sociolingüística e a miña propia experiencia como
estudante galego leváronme a ver que eu teño a capacidade e, por
sorte, a liberdade de elixir a lingua que quero falar en cada
momento, e iso é algo moi valioso do que non moitas persoas poden
gozar.
Daniel Parajó Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario