17 ene 2016

Novo dicionario dixital actualizado: Digalego. Unha ferramenta moi util

Un novo dicionario dixital máis actualizado e con máis de 65.000 entradas. Así é Digalego, realizado pola editorial ‘Ir Indo’ e que a Xunta vén de poñer a disposición de toda a cidadanía, con acceso gratuíto. Trátase dunha das obras máis completas e actualizadas do mercado lexicográfico galego. A iniciativa é posible grazas ao acordo acadado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a editorial Ir Indo, para unha obra que levou 20 anos de traballo e investigación e que agora pasa a propiedade da Administración autonómica. O acceso está xa dispoñible no enlace digalego.xunta.gal, así como a través do Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.


O dicionario inclúe un ‘repertorio de formas incorrectas’ con voces non admitidas en galego
 O dicionario ofrece equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán. Facilítase que os falantes de todas esas linguas poidan aprender galego a través dun recurso gratuíto ao que se accede desde calquera punto do mundo a través da internet.
Cabe salientar que, con máis de 65.000 entradas, o Digalego toma como base léxica o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa). Respecto das súas utilidades cómpre destacar que desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as formas verbais, e que recolle tamén (baixo o epígrafe “Repertorio de formas incorrectas”) unha serie de voces non admitidas en galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén destaca o feito de que se poden buscar palabras partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano e que mostra equivalencias neses mesmo idiomas ademais de en chinés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario