24 ene 2016

O Consello de Europa amosa a súa preocupación pola "redución gradual" do galego no ensino medio

 O Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias , no seu cuarto informe sobre o cumprimento da Carta no Estado español e insta as autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que o Executivo central ratificou coa sinatura deste tratado internacional en 2001,sobre todo no que ten que ver co ensino.
 
"A lingua galega está amplamente presente na vida pública, incluída a das administracións rexionais e locais. No ámbito educativo, o Comité de Expertos está preocupado pola redución gradual da presenza do galego no ensino medio. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego viuse reducida no ensino primario e secundario", di o Consello de Europa nas súas conclusións sobre un informe que insiste nos reproches que xa amosara no ditame de 2012. 

O Consello de Europa insiste en que Galicia non cumpre cos acordos da Carta Europea das Linguas nin no ensino infantil, nin no primario nin en secundaria e repara nas limitacións que ao fomento e normalización do galego supón o Decreto 79/2010 -coñecido como decreto do plurilingüismo-, que con fonda polémica substituíra ao decreto do goberno do bipartito.

O Comité de Expertos destaca que o devandito decreto "limita o ensino en galego a un máximo do 50% co propósito final de reducilo a un terzo" e advirte de que isto "entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego". Por iso, o Consello de Europa insta "encarecidamente" a Xunta que impulse o galego na educación e lembra que os compromisos adquiridos no tratado internacional continúan sen se cumprir "nin en preescolar, nin en primaria, nin en secundaria".
O Comité de Expertos insta "encarecidamente" a Xunta a impulsar o galego no ensino e lémbralle que segue a incumprir a Carta Europea
As conclusións chegan logo de que este Comité de Expertos avaliase con numerosas entrevistas a autoridades e colectivos a situación do galego. E son así de duras coa política lingüística malia as discutibles cifras que a Xunta achegou ao Consello de Europa, que destaca que a Administración galega sitúa no 43,3% as clases en galego na rede Galiña Azul fronte ao 56,5% en castelán, ou un 46,6% de aulas en lingua propia fronte ao 53,4% en lingua castelá na etapa de 3 a 6 anos.

O informe achega tamén datos de Inspección en Galicia polos que, no curso 2012-13, unha media do 51% das horas impartidas en primaria terían sido en galego, fronte ao 47,5% en castelán e o 1,6% en lingua estranxeira. Pero ademais, o Consello de Europa ten en conta tamén os datos achegados por diversas organizacións a prol da lingua ou do ámbito educativo no que se destaca a escasísima presenza do galego en preescolar, especialmente nas cidades, o veto á lingua propia nas materias científicas ou a introdución dun trilingüismo que acaba por "minguar o número de horas impartidas en galego".

A Real Academia Galega asume o informe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario