25 may 2018

A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias


No tema de sociolingüística que estudei para o último exame de galego mencionábase a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e quedei coa dúbida de saber exactamente en que consiste, polo que vou falar un pouco do que deste documento e en que afecta á nosa lingua.
A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias é un acordo asinado polos países membros do Consello de Europa (entre eles España) para a protección da diversidade lingüística no continente europeo. O documento establece como linguas a protexer aquelas que, ou ben non son oficiais, ou ben teñen un numero de falantes numericamente inferior en relación coa poboacion do Estado. España asinou este acordo en relación co galego, o catalán, o euskera, o asturiano, o leonés e o occitano ou aranés.
Co obxectivo de promocionar estas linguas e asegurar os dereitos lingüísticos dos seus falantes a carta establece, entre outras cousas:
1)A educación a todos os niveis (preescolar, primaria, secundaria e superior) nestas linguas, polo menos nunha parte substancial. Isto contrasta coa educación que temos hoxe en Galicia: a educación primaria e secundaria en galego reduciuse ata o 33% coa escusa de introducir o inglés e no ensino universitario o galego é moi minoritario, especialmente en carreras de ciencias.
2) O dereito á administración de xustiza nestas linguas. Neste caso, a carta é algo ambigua xa que di que isto debe ocorrer sempre que non interfira na correcta administración de xustiza. Neste aspecto, a posibilidade de recorrer a instancias de ámbito nacional fai que a presenzaa do galego na xustiza sexa a día de hoxe moi minoritaria.
3) A promoción dos poderes públicos de medios de comunicación nestas linguas. No caso do galego, se ben no ámbito da televisión e da radio si se conseguiu, no ámbito da prensa escrita a presenza do galego está limitada a seccións culturais ou de opinión, coa excepción dalgúns xornais dixitais.
4) A promoción destas linguas en manifestacións culturais. Neste aspecto, o galego está ben asentado como lingua de difusión cultural, aínda que a súa presenza na música ou no cine está ameazada pola presión das grandes produtoras.
En conclusión, a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias recoñece a diversidade lingüística como obxecto de especial protección, e establece esta protección como algo fundamental para que a integración europea que se leva a cabo dende o final da Segunda Guerra Mundial sexa o mais harmónica posible.
Pedro Areal Antolín
2ºBac. A

No hay comentarios:

Publicar un comentario