25 may 2018

A praga muda en Montederramo


En maio de 2008, a Consellería de Medio Ambiente declarou a existencia dunha praga que se estendía por zonas de toda Galicia. Esta praga era coñecida popularmente como a praga do pulgón (Altica quercetorum), que afectou a gran cantidade do territorio galego, deixando extensións de terreo destruídas e sen carballos que poboasen os campos. Unha das zonas onde maior influencia tivo esta praga foi no concello de Montederramo, especialmente nunha pequena aldea coñecida como “Vilapequena”.

Esta aldea de apenas 20 habitantes,todos adicados principalmente á gandaría e á agricultura, viuse totalmente desolada despois do paso da praga polos seus campos, a cal provocou perdas económicas para todo o pobo pero que sobretodo afectou a nivel moral. A aldea,que antes da praga xa non se atopaba nos seus mellores momentos, quedara agora sumida nun silencio arrepiante.

Durante anos os medios de comunicación que fixeran documentais sobre o acontecemento centráronse basicamente na praga e falaban de que o pobo se convertira nunha “cidade pantasma” sen decatarse de que o que de verdade afectaba á aldea era a falta de xente nova que se interesase pola terra, polos seus costumes, pola fala e pola xente. Este era en esencia o verdadeiro problema da “Vilapequena”, algo que estaba provocando que morrese lentamente xunto cos seus habitantes.

A aldea deixara de ser “interesante” para a mocidade , e así o afirmaba a xente maior dicindo que “este xa non é lugar para nenos, só para vellos teimudos...” deixando claro que eles tiñan xa aceptada esta situación de desinterese por parte da xuventude.

Actualmente podemos ver esta despreocupación polo mundo rural galego e polos seus costumes e tradicións en todas partes. Día a día os pobos de Galicia van quedando sumidos nun silencio ata que finalmente acaban por desaparecer sen que ninguén se percate da súa ausencia, facendo caia sobre eles a verdadeira praga, a do silencio.

 Annia Fernández Pérez
2º Bac. A 

No hay comentarios:

Publicar un comentario