21 may 2018

A ciencia en galego como axente normalizador da lingua


Como estudantes de ciencias fomos educados en galego en moitas materias: Coñecemento do Medio na Primaria, Bioloxía, Física e Química na ESO… e isto permitiu que os estudantes galegos desenvolvésemos unha capacidade de pensar e razoar en galego da que careceriamos completamente de seren impartidas estas materias en castelán.
Ademais, dado que vivimos nun sistema no cal o castelán é considerado “superior”, tanto a nivel social como a nivel lexislativo, tamén temos estas capacidades en castelán simplemente por existir e relacionarnos con persoas neste contexto. Así, aprender a ciencia en galego non ten ningún tipo de prexuízo para o correcto desenvolvemento das competencias lingüísticas dun alumno en castelán; mentres que beneficia totalmente o desenvolvemento do galego e a súa normalización.
Eu deime conta disto neste curso, segundo de Bacharelato, o único no cal tiven Bioloxía en castelán. Cando facía os meus esquemas, inconscientemente escribía as cousas en galego, porque é así como sempre aprendín esta materia. E cando iso acontece, síntome orgulloso de ter a capacidade de falar dúas linguas.
O estudo da Sociolingüística e a miña propia experiencia como estudante galego leváronme a ver que eu teño a capacidade e, por sorte, a liberdade de elixir a lingua que quero falar en cada momento, e iso é algo moi valioso do que non moitas persoas poden gozar.
Daniel Parajó Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario