28 may 2018

O 17 de maio, Día das Letras Galegas


O 17 de maio, o Día das Letras Galegas, creo que é un bo día para falar da nosa lingua. Aínda que considero que, este día, con maiúsculas e todo, debería de ser todos os días do ano.
 
Ao meu parecer, a maioría de nós non somos conscientes da importancia que ten o posuír unha lingua propia: non só é cultura, unha lingua tamén forxa un elo inquebrantable entre todos nós, os galegos. 


Como exemplo disto, gustaríame plasmar aquí un acontecemento, que, agora, visto desde lonxe, penso que sempre quedará gravado na miña memoria. O pasado verán, a miña familia e mais eu, fixemos unha viaxe aos Estados Unidos. Cal sería a nosa sorpresa, ao coller un dos famosos taxis amarelos que tanto vemos nas películas, ao coincidir cun condutor de Quiroga? O home, emocionado, contábanos que nos seus vinte anos de servizo polas rúas neoiorquinas, tan só coincidira con dúas familias galegas. Nós, ao parecer, eramos a terceira, e el, encantado connosco, comezou a falar galego coma se non levase ningún tempo fóra da súa terra.
Con este relato pretendo demostrar que o galego non só é a lingua que nos representa, o noso signo identitario, senón que tamén é o lazo invisible que nos une. Por iso, o 2 de febreiro, o 9 de xuño, o 14 de decembro, e un longo etcétera, deberían de ser o Día das Letras Galegas (si, con maiúsculas).



María Otero Sande
2º BACH A

No hay comentarios:

Publicar un comentario