28 may 2018

O galego...lingua minoritaria ou minorizada?


Á hora de abordar a situación dunha lingua nunha sociedade plurilingüe xorde a dicotomía entre os termos lingua minoritaria e lingua minorizada. Enténdese que unha lingua é minoritaria cando é falada por pouca xente, de xeito que non é posible un uso social predominante. Pola contra, as linguas minorizadas poden ter un número relativamente alto de falantes, pero por cuestións sobre todo políticas, non lles é posible ser maioritariamente utilizadas. Desta forma, sempre que existe unha lingua minorizada (como sería o galego) é porque está a recibir a presión dunha lingua dominante (neste caso o castelán) que provoca a súa marxinación e, se non se establecen medidas correctoras, a súa desaparición.
 
É o galego unha lingua minoritaria?

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística do ano 2013, o 95,8% dos galegos de 5 ou máis anos explican que o seu grao de entendemento do galego é moito ou bastante, e case 2 de cada 3 galegos afirma utilizar o galego en distinto grao de intensidade. Desta forma pódese afirmar que arredor de 1.900.000 persoas usarían o galego (existindo un empate técnico entre a intensidade de uso do castelán e do galego, xa que mentres un 50,9 % dos galegos afirmaba falar só ou maioritariamente en galego, un 47,9% deles afirmaba falar só ou maioritariamente en castelán).
Na seguinte táboa recóllense os falantes das 7.097 linguas vivas do mundo, segundo Ethnologue
 
Linguas con máis de 100 millóns falantes
8
0,11% del total
Linguas entre 10 e 100 millóns de falantes
85
1,20% del total
Linguas entre 1 e 10 millóns de falantes
308
4,34% del total
Linguas de menos de 1 millón de falantes
6.696
94,35% del total
Polo tanto o galego estaría no grupo do 5,6% das linguas mais faladas do mundo, estando neste tamén o sueco, o búlgaro ou o finés; polo que sería unha lingua tan minoritaria coma calquera destas.
É o galego unha lingua minorizada?

Para ver se o galego é unha lingua minorizada debemos de analizar se se dan algunhas das características propias desa situación, entre as que poderíamos destacar:
1.- Existencia de normas de uso social restritivas que farían que a lingua minorizada non se utilizase en determinados ámbitos, fronte ao uso expansivo en todos eles da lingua dominante. Máis alá de que o galego predomina como lingua oficial das institucións públicas, resulta evidente que o seu uso é case testemuñal nos medios de comunicación, na publicidade, no mundo empresarial, nos documentos producidos nos actos xurídicos...
2.- Necesidade de coñecemento: No caso de existencia de dominación dunha lingua sobre outra, a lingua forte debe de ser sempre coñecida mentres que o coñecemento e uso da lingua minorizada non sería necesario. Unha persoa podería vivir e progresar na comunidade da lingua minorizada coñecendo só a forte, mentres que descoñecer esta última supón ficar fora do sistema.
3.- A comunidade lingüística minorizada é un subconxunto da dominante, xa que mentres os falantes desta última tenden a ser monolingües os da minorizada teñen no seu repertorio as dúas linguas. A ausencia do galego na publicidade ou mesmo noutro tipo de comunicacións empresariais, deixa clara a condición de subconxunto da comunidade galegofalante.
Por todo isto pódese afirmar que a día de hoxe o galego é unha lingua, máis que minoritaria, minorizada. A modificación desta situación está, non só no goberno, senón tamén nas mans de todos nós. Adoitamos botarlle as culpas do que acontece coa nosa lingua aos demais, sen decatarnos que o cambio comeza desde cada un, e se este fose reivindicado por todos, a situación do galego podería ser moito máis favorable.

Candela Mazaira
2ºBac. B

No hay comentarios:

Publicar un comentario