25 may 2018

Máis galego


Poderías dicir o nome de tres escritores actuais? É sinxelo. Dos libros saen unha chea de series e películas, e é imposible que non nos soen certos nomes. Nas redes sociais temos constantes promocións de libros por parte dos influencers que, ou ben son os propios escritores, ou ben serven coma anunciantes. A lectura hoxe en día é máis accesible ca nunca; está, literalmente, a un clic de distancia. Isto fai que os autores se dean a coñecer máis facilmente, chegando a xente que hai un par de décadas non tocaba un libro nin por recomendación.
A novela, que adoitaba eclipsar ao resto de xéneros, está comezando a ceder espazo a outros formatos. Ultimamente certas personalidades de internet están a producir poemarios cos que animan á xente nova a coñecer a lírica; temos a magnífica poesía feminista de @srtabebi ou os versos intimistas de @defreds. Ademais, estase a apostar fortemente polo aspecto visual e ata táctil da arte, enchendo os libros de debuxos e relevos. O ensaio xa non está reservado ás máis elevadas elites intelectuais. O teatro, cada vez máis veces a través dunha pantalla, segue a conquistar ao público.
Pero, que pasa se reformulamos a pregunta? Poderías nomear a tres escritores galegos actuais? Iso xa é máis complicado, non? E a cousa aínda pode ir a peor. Coñeciches a obra dalgún deses autores pola túa conta ou polas lecturas da materia de galego?
Agora que xa andades metidos niso de pensar, ide un pasiño máis aló e fixádevos no denominador común. Volta ás preguntas comprometidas. Cantos dos libros que les están noutra lingua que non sexa o castelán? E non che estou a pedir que leas en checheno, senón no que estás a ler agora mesmo. Cantos dos libros que les por pracer están en galego? De feito, canto do que les está en galego? Estarías a ler isto se non te obrigase o profesor ou profesora de turno?
A resposta reflicte verdades que moitas veces non queremos admitir. Non valoramos a nosa cultura autóctona. Nin existiría de non ser por que a lexislación nos obriga a estudala nos centros de ensino. Porque iso é o que fan. Teñen que nos obrigar. Cantos de vós comprastes un libro en galego o 17 de maio? Existe a posibilidade, por incrible que pareza, de que ningún o fixera.
Por iso, quero facer un chamamento. Entre o día 30 de maio e o 2 de xuño haberá unha feira do libro na nosa cidade. Mercade un libriño en galego. Son fáciles de atopar. Están apartados, nunha esquina, e andan algo desnutridos porque ninguén quere ler un libro en galego de máis de duascentas páxinas. A maioría custa menos de dez euros (imaxinade como viven os autores galegos), e non vos levará máis dunha tarde lelos.
Así, a próxima vez que vos pregunten por tres escritores galegos actuais, Celia Díaz, Iria Misa e Domingo Villar poderían aparecer na vosa mente. Poderiades contestar que si, que ledes en galego por pracer, que para algo sodes bilingües, e que apoiades á vosa lingua. Porque unha conversa sobre un libro en galego podería ser o inicio dunha nova amizade ou amor, e non un monólogo interminable dos que soltan nas clases.
Así que me vas facer un favorciño: vas coller dez euros e vas ir a feira mercar un libro en galego. Despois, vas ir á casa e, con extrema solemnidade, como merece o momento, vas ler a primeira páxina. Só iso. Só unha páxina. Só unha oportunidade. Só unha esperanza para quen confiamos en que esta non sexa a derradeira xeración que vivirá en galego.
Eva Fernández Murias
2ºBac. B

No hay comentarios:

Publicar un comentario