28 may 2018

Fariña

Falamos moito da produción en galego, da súa promoción e de dar a coñecer a nosa cultura e o noso idioma, pero recentemente Galicia foi tema de actualidade, e non precisamente por boas noticias. Foi en marzo deste ano cando o xa famoso libro Fariña foi secuestrado por unha xuíza de Collado Villalba. Dende ese momento foron moitas as noticias respecto ao libro e os seus protagonistas ata chegar a ter unha serie baseada no libro.
¨Prevenidos!¨, así empeza a serie galega que trata o tema do narcotráfico en Galicia, transformada nos anos 80 nunha das zonas de contrabando máis prósperas de España. Esta serie achéganos a unha realidade que se viviu en Galicia e que casou graves problemas socias. Ademais, estas figuras do narcotráfico chegaron a causar mesmo admiración entre os seus veciños, debido a obter bens materiais que quedaban ao alcance de poucos, como grandes casas ou luxosos coches, aínda que eran actividades baseadas en feitos delituosos. Penso que esta serie amósanos, tanto aos galegos como ao resto de España, unha realidade que tivo lugar nun momento concreto e produciu un nocivo efecto na sociedade e permítenos saber como funcionaban as cousas naquel tempo.
O personaxe principal, Sito Miñanco, máximo expoñente do narcotráfico nas Rías Baixas, coñecido hoxe en día polas súas entradas e saídas do cárcere, acércanos a esta realidade xunto a coñecidas figuras deste mundo, como Laureano Ouviña; Manuel Charlín ou Vicente Otero (¨Terito¨), interpretado por Manuel Lourenzo, importante promotor do teatro galego. A pegada do narcotráfico segue moi presente en Galicia, como demostrou a testemuña de Carmen Avendaño, a voz das nais da droga, o xuíz Taín ou o escritor de Fariña, Nacho Carretero. Da mesma forma, a vida dos narcos quedou marcada polos delitos cometidos e polas condenas establecidas contra eles.
Nesta serie, protagonizada por actores galegos, podemos ver a primeira aceptación deste mundo e das tarefas que desenvolvían os traficantes, que moitas veces empezaban de mozos e continuaban con esta actividade que lles reportaba abondosos beneficios económicos. Acúsaselles de que houbese unha ¨xeración perdida¨ pola introdución de droga en Galicia que levou a moitos mozos á morte. Pode verse tamén como funcionaban estes narcotraficantes, como por exemplo Manuel Charlín, que foi o patriarca do clan máis perigoso e sanguinario de Galicia, os Charlines, coñecido pola Operación Nécora, a cal levouno ao cárcere, así como a Laureano Ouviña. Por último cabe destacar o personaxe de ¨Terito¨, quen se moveu con moita facilidade entre as elites políticas. Esta trama do contrabando galego foi posible tamén grazas ao apoio de políticos e mesmo da sociedade, que tardou moito tempo en darse conta do dano que causaban estas prácticas.
Ana Martín González
2º Bac. A

No hay comentarios:

Publicar un comentario